As Confrarías de pescadores son institucións con profunda tradición histórica en Galicia, ata o punto de que os primeiros antecedentes que se coñecen remóntanse ao século XIII, cando aparece a Irmandade das Vilas e Marismas dos Reinos de Asturias e Galicia.

Estas entidades pasaron desde entón por diferentes vicisitudes que as fixeron evolucionar ao longo do tempo para adaptarse ás necesidades tanto económicas como laborais que ían xurdindo no país; desta forma perderon o marcado carácter relixioso que as caracterizou na súa etapa inicial para converterse, primeiro, en organizacións laborais e de asistencia mutua, logo en depósitos de pescadores, para, en época máis recente e recuperando a súa antiga denominación, pasar a ser corporacións de dereito público.

A Confraría de Pescadores “San Juan” de Redondela constituíuse no ano 1944. É unha corporación de dereito público sen ánimo de lucro dotada de personalidade xurídica e capacidade de obrar, que actúa como órgano de consulta e colaboración coa Administración na promoción do sector pesqueiro e representa os intereses económicos e corporativos dos profesionais do sector. O seu ámbito de explotación abrangue dende Soutoxuste (caseta do Ceboleiro) ata a praia de Arealonga (Chapela).

Nas eleccións celebradas o 24 de abril de 2008 saíu elixido Patrón Maior D. Clemente Bastos Estévez e Vicepatrón Maior Dna. Regina Migueles Crespo, sendo Angel Lusquiños López secretario dos órganos de goberno. A Confraría conta con 350 socios divididos en cinco sectores:

Sector Nº socios
Marisqueo a pé bivalvos 139 socias
Marisqueo a flote bivalvos 98 embarcacións
50 tripulantes
Artes menores 12 embarcacións
Cerco e racú 18 embarcacións
Bateeiros 10 embarcacións

 

Ademais esta Entidade presenta anualmente os seguintes plans de explotación para a xestión dos recursos marisqueiros: 2 plans conxuntos (marisqueo a flote, zamburiña- volandeira), 2 en solitario (marisqueo a pé,  poliquetos a pé) e 1 plan de pesca con trasmallos para o choco. Estes plans teñen unha grande importancia, tanto polo número de persoas que participan neles como polo volume de pesca e de ingresos xerados.

Plan de explotación Nº participantes
Marisqueo a pé bivalvos 139 mariscadoras
Marisqueo a flote bivalvos 98 embarcacións
Zamburiña e volandeira 3 embarcacións
Poliquetos 6 mariscadoras
Choco 43 embarcacións

 

Na modalidade de marisqueo a flote os mariscadores traballan nos bancos sublitorais de toda a Ría de Vigo. Os recursos principais que extraen nesta modalidade son: ameixa fina, ameixa xaponesa, ameixa babosa, berberecho nos bancos do interior da Enseada de San Simón (O Cabalo, Area Nova-Puntal-Río do Medio) e ameixa rubia, ameixa babosa e carneiro nos bancos da zona externa da Ría de Vigo, por fóra da Ponte de Rande (Rodeira, Tirán, Cabo de Mar, Cíes, Canido, etc).

As embarcacións do marisqueo a flote desta Entidade contan no seu permiso de explotación con autorización para traballar con outras artes de pesca: trasmallos,  nasas (para a extracción de choco), bou de man e rastros para a extracción de zamburiña e volandeira.

Na modalidade de cerco hai 18 barcos que realizan as súas vendas na lonxa do Porto de Vigo; cabe salientar a grande trascendencia económica e social desta pesquería, que conta cuns 8 tripulantes por embarcación.

Na modalidade de marisqueo a pé, hai na actualidade un total de 139 mariscadoras traballando nos bancos intermareais localizados dentro do ámbito territorial da Confraría de Redondela. Os principais recursos que extrae este sector son: ameixa fina, ameixa xaponesa, ameixa babosa e berberecho.

As mariscadoras realizan labores de limpezas de algas e de vixilancia nas praias durante gran parte do ano (sobre todo no verán), para tratar de manter os recursos en óptimas condicións. E levan a cabo traballos de semicultivo de ameixa xaponesa a partir de semente de criadeiro dende fai varios anos.

Cabe destacar o dano que produce o furtivismo sobre o recurso; por ese motivo a Confraría fai campañas de concienciación, confeccionando folletos que se reparten nas praias e carteis informativos sobre o prexuízo do consumo de marisco sen depurar.

Proxectos

 A Confraría de Redondela está a desenvolver varios proxectos. Por unha banda accións subvencionadas por Proxectos Colectivos de Xestión Pesqueira cos que se está rexenerando unha zona improdutiva no banco intermareal de A Barra para o marisqueo a pé.

Por outra banda, os proxectos subvencionados por Grupos de Acción Costeira, mediante os cales no ano 2010 se rexenerou unha zona para marisqueo a flote na Enseada de San Simón e no ano 2011 se adquiriu unha máquina para etiquetado do choco de Redondela.

Ademais destes proxectos subvencionados, a Confraría tamén desenrola outro tipo de accións, como a recuperación dunha zona ao sul do Lazareto, onde despois de balizala se botou rama de pino para favorecer o desove do choco. Tamén se fan periodicamente sementeiras e traslados a bancos naturais para axudar a manter a produción de ameixa.

Este proxecto foi financiado por: